Que nos motiva?

Simplemente o amor á nosa cidade. Hai tempo que Coruña se paralizou no seu avance, que, hai só uns anos, parecía imparable. E isto ocorreu porque os coruñeses o permitimos. Non é posible pretender que unha mesma persoa e un mesmo partido traballen con idéntica enerxía e vontade de progreso ano após ano e lexislatura após lexislatura. As persoas esgótanse e as ideas tamén. En democracia, o cambio, máis que necesario, é imprescindible. O Partido Galeguista, cuxa lista encabezo, pretende achegar ese aire fresco e limpo que tanto necesita a nosa cidade e a nosa política local. Un aire de sentido común e equilibrio, de vontade para resolver os problemas que, de verdade, lles afectan ás coruñesas e ós coruñeses. Trátase de axudar a todas e a todos a vivir mellor. E para iso, é necesario darlle solución tanto aos grandes asuntos, como aos pequenos. É necesario que os farois iluminen e que os mozos poidan acceder a unha vivenda. É tan necesario que as familias coruñesas non vexan hipotecadas as súas vidas polo prezo que teñen que pagar polo seu fogar, como que poidan pasear seguros e tranquilos polas rúas da súa cidade, calquera día, a calquera hora e en calquera barrio, sen sortear desperdicios. Cómpre que poidan considerar ter fillos sen estaren condicionados pola inexistencia dunha rede de garderías públicas. Cómpre que poidan elixir entre comprar unha vivenda ou alugala con facilidade. É necesario que todos, mozos e maiores, teñan elección á hora de gozar do seu tempo de lecer e non estean abocados a faceren sempre o mesmo, porque non existe nada máis. É imprescindible organizar o tráfico, manter os xardíns, a limpeza dos nosos barrios, tanto como captar investimentos, atraer empresas, xerar postos de traballo para todos, mellorar os accesos á cidade, optimizar as comunicacións, axilizar os trámites nos organismos públicos, fomentar a solidariedade e estar en condicións de prestarlles axuda a todas e todos os coruñeses que o necesiten. Isto é o que desexo, o mesmo que calquera coruñés, o que son, que a nosa cidade siga crecendo e que todos o fagamos con ela. Esas son as miñas motivacións: lograr o engrandecemento de Coruña e acadar o máximo benestar para as súas cidadás e cidadáns. Estou decidido a achegar ideas e a traballar sen pausa, pero con sentido, sen crispación pero con inquebrantable firmeza con esas metas no punto de mira: a vontade de conseguir unha cidade máis habitable, máis humana, máis bela e con máis peso entre as cidades importantes de Europa; a mellor das cidades, en definitiva, para cada un dos seus habitantes e todos eles.

Unha cidade nova

Como podemos queixarnos de que a cidade envellece, cando non facemos nada para que a xente nova quede nela? Moitas cidades europeas revitalizáronse con políticas de vivenda atractivas para os sectores xuvenís. Coruña ten de ser para os nosos fillos o que foi, e segue a ser, para nós: un lugar no que gozar vivindo. E para iso, temos que facer posible o desexo da nosa mocidade de permanecer aquí.
Coa vosa axuda, levaremos ao Concello unha política de vivenda eficaz, real e realizable que ofreza esta posibilidade, en particular aos mozos e, en xeral, a calquera cidadán que o necesite. Todos os coruñeses teñen dereito a gozar dun fogar.

Dúas linguas amigas

Galego e castelán conviven nos nosos barrios. Tal é a mestura que, moitas veces, non sabemos en que idioma nos falan e, outras tantas, nós mesmos facémolo mesturando ambos os dous. A lingua non é unha fronteira, senón unha ponte entre os coruñeses. Pertencemos a dúas culturas e iso é unha riqueza que debemos aproveitar, non desperdiciar en discusións inútiles que unicamente xeran crispación. Ninguén quere obrigas, nin imposicións; deixemos que cada persoa se exprese no idioma que considere oportuno, xa que todos nos entendemos. Na Coruña do século XXI conflúen as diferentes linguas que falaron os nosos devanceiros e que, aquí, se fixeron amigos. Seguírono a ser. Galego e castelán seguiron presentes entre nós á marxe de discusións burocráticas, enriquecéndose, enriquecéndonos e facéndonos máis galegos, españois e universais.

Centro de Ocio Familiar

Unha das nosas propostas, concreta e definitiva, e o Centro de Ocio Familiar Esocio. Si queres ver o proxecto completo, podes descargalo aquí: Esocio

Se te sentes identificado coa nosa proposta, convidámoste a sumarte a nos:
carlosmarcos2007@carlosmarcos.es